| Alexandre
Nerium
DENDE
DENTRO DO DIQUE
Arribarmos ó inverno para ensoberbecerdes,
atarvos á deshora da bita que vos illa
-ó socairo da noite de cal que nos prosegue-
á impostura do porto trizado polas quillas
cun catálogo cheo de veleno entre os dentes.
Vénzome dende dentro do dique, dende a físgoa
cos desgadoupadores cintóns da travesía
dimanando o desvelo que a contramar dos sirtes
espraia a delongada cacea serpentina
ata que dos latexos pululen cicatrices.
Levo comigo todo desconsolo do brinde,
tódalas redes ó ombro feridas de navalla,
o atalingar da sorte no rostro dos calimes,
os beizos da baiúca desasurando o acimbre
cando a paz lambe a cunca da guerra que me farta.
Envío canto a boca da ría me devolve...
O acebre das sentinas cobre de cobre as áncoras.
Son coieira, espavento de foula calcinada;
ó teu carón engulo da marusía o xofre
como quen traga a morte con restras de metralla.
Persígome, emporiso sucumbo pé da ponte...
Pertenzo a outro refluxo -créoo- cando xorde
de tódolos coídos a demoler rompentes
-somnámbulos insomnios de desherdados berces-
que cáseque me acora na enchente trasantonte.
Alexandre Nerium
voltar
|