 |
XOSÉ
MARÍA ÁLVAREZ CÁCCAMO
A GEORGE BUSH, CRIMINAL DE GUERRA.
Desde dentro da única zona de luz
baixo a cúpula ou víscera seca do terror absoluto,
desde a fonte xeada do sangue a deitar bágoa a bágoa
unha sílaba muda de espanto,
entre os corpos de ferro fundido
que pronuncian o último asombro,
desde a sombra dos ollos dos nenos
cunha rosa redonda de fume no iris
e na voz un anaco moi triste de nome de nai e na altura da tarde
conmoción e pavor contra a pel de laranxa do ar no mercado
de Suq Naser, Bagdad,
ao señor presidente
dos Estados Unidos de América envío razón
de desprezo e de raiba infinita,
unha lúa de ira
a medrar no alicerce das horas como medran os ríos
desde as bocas da neve.
Desde dentro da única
zona de luz ,
desde as fontes do sangue en procura do gas luminoso da paz,
desde o lóstrego branco dos ollos dos nenos que morren extraños
e na voz un fragmento de nai, unha brétema, nada,
somos nós en vontade imparábel
a orde nova do mundo. Somos nós desde as prazas
da revolta en clamor a paixón da esperanza,
Compostela, París, Budapest,
Estocolmo, Berlín, San Francisco, Lisboa,
Teherán, Barcelona, Yakarta,
Roma, Londres, Beirut, o furor
contra ti, presidente George Bush, contra todos os cómplices
da mentira e do crime absoluto, conmoción e pavor.
Criminais, escoitade
o balbordo do mar:
o desprezo e a raiba, a razón da xustiza,
a semente da Terra futura sen vós
desde dentro da única zona de luz.
XOSÉ MARÍA ÁLVAREZ
CÁCCAMO
voltar
|