Manuel María

Oda á guerra

A guerra é a salvación da Humanidade,
fai avantar a Ciencia, desenrola
o povo, crea industrias importantes
e potentes, fai florecer a Economía
dun xeito case milagroso, asegura
a paz, é constructiva, sirve
de inspiración aos cantos épicos,
fabrica herois inmortais e lexendarios.
Na guerra un pode demostrar o seu
valor e o seu valer, gañar ascensos,
acadar condecoracións moi preciadas,
brillantes e honrosísimas. En tempo
de guerra todo é progreso, ledicia
e máis fartura. Misís, tanques,
fusís, pistolas, metralletas,
escuadras, cañóns aéreos e antiaéreos,
bombas atómicas, de mao e de napal
erguen unha música doce e harmoniosa
que a xente escoita compracida
e enlevada. Todos van á morte
moi felices, os feridos teñen os beizos
a flor dun sorriso. Non se derrama
sangue, ai, iso non!. Os campos
bombardeados e incendiados
seméllanse aos xardíns e ás máxicas
fogueiras do San Xohán.
Os homes esquécense de odiar
e aprenden a amarse de verdade.

Manuel María


voltar