Marcelino
Sisto Deibe
DONIÑOS
A luz da Aurora doncela
cangou coas pencas da rabia:
formigas en pé de guerra,
bolen ó pé da montaña.
Á alegría da
mañá
cuspíronlle na faciana:
foron fusila-lo ar;
foron mata-la pantasma.
Dous rapaces marisquean
unha colleita de balas:
metálicos longueiróns
encol da area aviltada.
Érguense as vagas, iradas,
xostreganso a aba da praia
e venta un vento furado,
con pespunte de metralla.
Están fartos de ecoar,
os montes desta valgada,
foguetes que non son festa,
tronos de falsa tronada.
E cala o monte, morcón;
a lagoa, aqueloutrada;
as vagas, que se alporizan,
en roncallos, despeitadas:
o mar zafráñalle
á area,
que non trouse os proxectís;
que consinta que apadumen
as súas dunas sourís.
Rebilba aire estordegado
e, cheo de zuna, zoa,
dende Outeiro ata Fontá;
dende Penenca ata A Croa.
Quérelle aprender, o
mar,
ó areal a maneira
de se erguer, cal un roncallo
bravú de vaga mareira
e, con ondas da areeira,
varrer aquela ferida:
aberta na aba da Croa,
tal que de feras gorida.
E xa co mal estiñado,
tornar á paz primitiva:
o amor da area e o mar;
deixar vedea-la vida.
Lagarto quecendo ó Sol;
un curro de sendeiriñas
-antucas, de carne mol,
abertas entre as herbiñas-.
Soñar da mansa lagoa;
na praia, os dedos da brisa
nos febles talos do feo,
citolando unha cantiga.
Pero cantiga de paz,
que non berro de metralla;
non ós gargallos de chumbo
cuspidos encol da praia.
¡Non apadumedes máis
á Natureza aviltada,
cos falos deses fusis
entre collóns de granadas!
¡Afastade o son da guerra!
«Apazugade as espadas»
Marcelino Sisto Deibe
voltar |