 |
Se houbese quen
Se houbese lexións a dominar a dialéctica da liberdade,
ese vocábulo crebado,
como quen domina o espacio aéreo da infamia,
medrarían, canda os versos, mananciais
por onde queira que ollásemos El A aiún, Monrovia, Freetown,
Kinshasa...]
sorrisos habería como mazarocas
como queira que Grozny, Mogadiscio, Colombo, Scopia... amencesen]
tralo escuro.
Se houbese quen fose quen de resistir eterno espanto
podería reptar polas rúas de Bagdag e descubrir que alí,
a rente as fendas,
o espanto eterno reverte entre o cascallo.
E faino desde hai tempo en Bujumbura, en Kigali, en Alxer, en Al-Khartum...]
Mais, velaí os sensíbeis corazóns que devoran lixo
urbano,
non poden aturar tanto sague por canados,
por favor, non máis dunha masacre de cada vez,
que non hai quen de ollar de fronte tanto morto,
e se o houbese,
e fosen miles,
habería recantos de futuro en Luanda, a filla da luz;
Srinagar, a dos homes serpente;
Tuxtla Gutiérrez, moradía dos coellos;
Xerusalén, cidade da paz
esgazada cos estigmas do silencio.
Se houbese quen de investir nun ollar limpo...
... Entre tanto,
miñas donas, meus señores,
sacudamos a mesquindade
que acubilla nas cloacas dos indignos.
Desacato,
miñas donas,
desacato e voces irtas como flores,
meus señores.
ELVIRA RIVEIRO TOBíO.
voltar
|