Rosa Mª Martínez Dios

CONTOS DE FADAS

Ata a louza tropeza,
ata as cuncas e os pratos
ó rozar berran no alzadeiro,
e dí o refrán, dous non rifan se un non quere,
e digo eu, tanto ten quen berre primeiro.
Din que ó falar todos se entenden,
e digo eu, se teñen entendemento,
que a lei do Talión, nestes tempos,
digo eu, está máis que trasnoitada.
Din que alumean amenceres,
que seguen a acada-las praias
ondas de liberdade, e digo eu,
as verbas asulagan papeis
que diso non falan.
Din que seguen a nace-los nenos,
que seguen a crer nas fadas
e que hai avós que aínda lembran
pesadelos noutras augas
que prefiren non lembrar
nin ter que volta-la mirada
ós anacos dos papeis
que diso non falan nada,
e digo eu, ¿ e os nenos por nacer,
neste mundo de papel,
lerán un conto de fadas?

Houbo unha vez unha fada,
compostora de vaixelas,
que cansa de tanto amañar
pratos mancados, cuncas desfeitas,
cansa de tanto escoita-lo ruxir
daquela guerra, de tanto apaña-los anacos
das ideas, votouse, votouse a chorar
anegando a terra enteira,
e din que acougou ó lume
e á lapas na fogueira,
e tremeron no alzadeiro,
pratos, cuncas da vaixela,
non quixeron berrar máis,
por te-la fada contenta.
Adormeceu o meniño
pensando que era verdade
o avó pechou os olliños
e da man daquel netiño
fuxía da realidade.

Rosa Mª Martínez Dios


voltar