Rosa Méndez Fonte

É PRECISO
tirar da manta neste Norte, que xa abafa,
é preciso derrubar os símbolos e a historia
que nos amosan como pobos poderosos;

é preciso queimar Londres, París, Ámsterdam, Lisboa…
se a súa historia xustifica un futuro
superior e asoballante.

É preciso voltar ás alpargatas da memoria,
sentir ó home polo o home e dende home,

voltar ás bicicletas, e ós carros se fai falla,
se o petróleo se mestura con sangue e violencia.

É preciso que o Norte baixe ó Sur
para algo máis que poñer puntos nos seus íes
é preciso asinar un tratado de miseria para todos
ou artellar, sen miramentos, a riqueza compartida.

É PRECISO BERRAR NON A ESTA GUERRA!
É preciso e urxente berrar nun só camiño
onde a moral e a esquerda levantaron, por sempre,
barricadas.

É PRECISO BERRARLLES: NON Á GUERRA!
aínda que non entendan este idiolecto noso,
artellado nas raíces;

… e non o entenden
porque moitos deles son
fillos e netos dos de sempre,
que nos acosan, teimudos, cunha reproducción,
para nós, desasistida.

É preciso xa, tronzar a violencia coa violencia,
é preciso o compromiso: dicir SÍ a enfrontamientos éticos,

dicir SÍ A UNHA GUERRA UNIVERSAL:
á guerra contra os miserables
á guerra contra os mezquinos
á guerra contra os violentos
á guerra contra os duros de corazón e comunión diaria
á guerra contra os ambiciosos de poutas pezoñentas
á guerra contra os poderosos que medran nas miserias
á guerra contra os escuros
á guerra contra todos eles e os seus gastos de defensa
a guerra contra TODOS os que fan de nós
animais depredadores
invasores
ameazadores
totalizadores
prevaricadores
minimizadores
colonizadores
manipuladores
exterminadores.

Rosa Méndez Fonte
(Abril 2003)
voltar