Xosé Luís Santos Cabanas.
Escrita o 16 de abril de 2003.

Tistura

Convoco hoxe un mar calmo de Arousa ou de Rande
(ai azul azul azul
....e paz intensa)
ou camiñar demorando cara brétemas de melancolía.

Defendo o dereito á tristura
que os meus ollos nunca se pousarán en Bagdag sen ruínas
nin verei enteira Basora
as terras onde As-Simbad
inventaba Cotovías para Álvaro Cunqueiro.

Ou camiñar demorando cara brétemas de melancolía
co lastre amargo dunha mesta raiba antiga.
E agora o remuíño. O remuíño.
Os ollos abertos dos nenos asasinados polo imperio.

Defendo o meu dereito á tristura
pois nunha ruela calquera da cidade,
aló na Terra de Antre dous Ríos,
morreu o aroma das especias.

Ou camiñar demorando cara brétemas de melancolía
e desvelar a lembranza das augas exaltadas.
Cachoeira. Abanqueiro
luíndo
constante
a resistencia da pedra.

Pero o remuíño. O remuíño.
Os ollos abertos de nenos asasinados polo imperio.

Ou recuperar o cheiro dun lento, lento Ulla amigo,
celme das humidades verdes.
(Sinais de vellas feridas
riscan
o escuro do leito).

Ou camiñar demorando cara brétemas de melancolía,
garabullo que vadía nas augas aínda limpas,
no regueiro transparente dun prado salferido de amarelles.

Convoco hoxe un mar calmo de Arousa ou de Rande
(ai azul azul azul
...e paz intensa)
ou camiñar demorando cara brétemas de melancolía.

Pero non esquezo.
Nunca esquecerei o remuíño.
Fermosos ollos abertos cravados no asasino
que indiferente manxa en McDonalds a súa ración
de carne picada.

Xosé Luís Santos Cabanas

voltar