Contidos
Manuel Caamaño Suárez, profesor emérito da Escola Universitaria de Arquitectura Técnica da Coruña, é autor desta brillante obra, na que se realiza un dos estudos máis completos sobre a arquitectura popular de Galicia, considerándoa patrimonio etnográfico. Todo iso co obxectivo de rescatala para a nosa memoria histórica, e defendela e preservala como elemento que contribúe a conformar a nosa identidade colectiva. O seu enfoque combina unha minuciosa e exhaustiva observación directa desa “arquitectura sen arquitectos” co estudo de fontes bibliográficas e documentais, e unha coidadosa análise das formas arquitectónicas e da variedade construtiva, atendendo a formas, usos, emprego axeitado de materiais, racionalidade.... O soporte físico, o medio humano, o proceso de transformación da nosa paisaxe e a ocupación do territorio, as técnicas construtivas e os oficios, as diversas tipoloxías zonais e as construcións adxectivas (ligadas a bases económicas, á comercialización, ao equipamento ou á produción artesanal e preindustrial) son algúns dos elementos estudados. Cómpre resaltar tamén o coidado repertorio gráfico da publicación, que contén espléndidos debuxos de contido etnográfico e arquitectónico.
También en castellano.
a menú |