limiarlibros.com

Os Eidos. O libro do Courel

Uxio Novoneyra

Ed: Xerais.
15 x 22 cm.;240 Páxinas
Rústica cosido a fío


Dos soños teimosos

Uxio Novoneyra

Ed: Xerais.
15 x 22 cm.;112 Páxinas
Rústica cosido a fío

Uxío Novoneyra (Uxío Novo Neira) , nado en Parada na parroquia de San Xoán de Seoane do Courel (Folgoso do Courel), o 19 de xaneiro de 1930 fillo de Xosé Novo López, labrego podente, e Manuela Neira Bello, tivo un irmán (morto no 1936) José, e unha irmán Elisa, dende 1982 deica súa morte en Compostela o 30 de outubro de 1999, foi o presidente da Asociación de Escritores de Lingua Galega (AELG).

Do Courel a Compostela: Inclúe CD coa voz de Uxío Novoneyra

Novoneyra, Uxío

Ed: Galaxia .
136 páx.; Capa dura

...
Poeta e escritor galego considerado dos mellores no tocante á paisaxística, dentro da literatura galega, ten en O Courel o principal referente físico para os seus versos. En 1942 estudou o Bacharelato en Lugo, e fai amizade co poeta Manuel María, comuneiro de xeración, en 1945.

En 1948 matriculouse por libre na facultade de Filosofía e Letras en Madrid, onde comezou a escribir poemas en castelán, como os publicados na revista universitaria Bengala. Nestes anos de estudante consagrouse intensamente á lectura de poesía dos máis diversos autores e adquiriu certa sona como recitador de poemas .

Dos anos 1950-51 datan as coleccións de poemas tituladas Poemas de Dios e Caurel, de onde saíron Os Eidos. En 1952 fixo o servizo militar, en Parga, primeiro, e Santiago, despois, e recupera o contacto con Manuel María. A finais dese mesmo ano comezou a escribir os poemas que darían lugar a Os Eidos. Nesta época en Santiago coñeceu e tratou a Maside, Piñeiro e Otero Pedrayo, aos que se debe a decisión adoptada nese mesmo ano de 1952 de escribir en galego, lingua que xa non deixaría nunca.

En 1953 enfermou de pleuresía e recluíuse no Courel, onde permaneceu ata 1962, salvo breves viaxes a Santiago, Lugo, Madrid etc. No Courel en 1947, xa fora vivir a Parada a autora noiesa María Mariño Carou, con quen terá unha profunda relación persoal que durará ata a morte da poeta en 1967.

En 1955 publicou Os eidos, con poemas escritos entre 1952 e 1953. Trátase dun poemario co que comeza un ciclo poético que continuará durante moitos anos, con novos poemas (Os eidos 2, 1974) e modificacións nos primeiros. No mesmo ano de 1955 comezou a publicar poesías en diarios e revistas como Vida Gallega (onde publicaría un total de 15 poemas ata 1961), Aturuxo, Follas secas, Luzes de Galicia, Nordés, Ólisbos, Dorna, Ronsel e outros moitos. Igualmente, é incluído por vez primeira nunha antoloxía poética galega, editada por Fernández del Riego (Escolma de poesía galega. IV. Os contemporáneos, Galaxia 1955).

O 22 de febreiro de 1957 interveu no chamado ''Homenaje a la poesía gallega'', celebrado en Santiago, xunto a prestixiosas firmas da literatura galega e galeguista. El mesmo cualificou o acto como "o primeiro que houbo na Compostela da posguerra", e a súa participación consistiu nun recital de poesía medieval.

En 1962, Novoneyra regresou a Madrid . En Madrid comezou a traballar na radio e mais na televisión, dirixindo diversos espazos culturais dedicados aos grandes poetas españois e internacionais, sen esquecer os galegos, como '' Poesía e Imagen, Versos de Medianoche y' Poesía en Compostela''. Participa nos faladoiros do Café Gijón, onde coñeceu os membros do grupo galeguista Brais Pinto, especialmente o pintor Reimundo Patiño. Publicou en 1966 Elexías do Courel e outros poemas, nunha edición bilingüe en castelán e galego.

En 1966 regresou ao Caurel, para atender a súa casa e aos seus pais xa maiores.

En 1967 escribiu o poema Vietnam canto, como colaboración para un libro que se ía titular Con Vietnam pero que nunca viu o prelo. O seu poema publicouse ao cabo en 1969 na Revista exterior de poesía hispana.

En 1968, coñece en Lugo a Elba Rei, con quen casa o 5 de xaneiro de 1973 e tiveron tres fillos: Branca-Petra, Uxío e mais Arturo.

1974 foi o ano da publicación d´Os Eidos II, que recolle poemas escritos entre 1954 e 1957 e outros posteriores nos que evidencia o compromiso político desta nova etapa entre os que destaca Letanía de Galicia.

En 1976 traduce ao galego varios poemas do escritor e político chinés Mao Zedong.

En 1979 publica Poemas caligráficos, libro que combina a poesía e a peculiar caligrafía de Novoneyra coa colaboración de Xosé Manuel Pereiro e Reimundo Patiño, quen prologa o poemario. Os textos están vinculados á vangarda pictórica organizada arredor do grupo Brais Pinto.

En 1980 recitador de poesía xunto co poeta Rafael Alberti. En 1981 pregoeiro das festas da cidade de Ferrol diante de máis de 8.000 persoas.

En 1983 deixou O Courel para se radicar definitivamente en Santiago de Compostela.

En 1986 aparece Muller pra lonxe, con poemas paixonais e amorosos escritos entre 1955 e 1985 xa publicados anteriormente en revistas e obras colectivas. Está ilustrado polo pintor lugués Carlos Pardo Teijeiro. Outra compilación de poemas escritos ao longo de 30 anos, Do Courel a Compostela, apareceu en 1986. Son, sobre todo, poemas políticos, sen faltar textos intimistas e amorosos. O libro está ilustrado por Laxeiro, Maside, Lorente, e acompáñase dunha antoloxía crítica de sonadas firmas sobre o autor.

En 1988 Publícase en edición bilingüe galego-euskera unha recompilación de todos os seus poemas coureláns, baixo o título «Bazterrak / Os eidos II realizada e prologada polo poeta donostiarra Koldo Izagirre.

En 1991 publicou o seu primeiro libro de narrativa, O cubil do xabaril, libro de contos infantís ambientados na xeografía courelá. A este libro seguirán outros dous coa mesma temática: Gorgorín e Cabezón (1992) e Ilda, o lobo, o corzo e o xabarín (1998). Nese mesmo ano reeditouse Elexías do Courel e outros poemas (que publicara en 1966) pero agora baixo o título Tempo de elexía. Como noutras ocasións, o autor modifica algúns textos e engade poemas que publicara noutros medios.

En 1994 editou Poemas de doada certeza (i este brillo premido entre as pálpebras), e en 1998 Betanzos: Poema dos Caneiros e Estampas.

En 1999, enfermo e imposibilitado para poder visitar O Courel como gustaba facer, publicouse Arrodeos e desvíos do Camiño de Santiago e outras rotas, con fotografías de Federico García Cabezón e algúns textos caligráficos do autor.

O sábado 30 de outubro de 1999 falece aos 69 anos de idade, no Hospital Gil Casares. O velorio instálase no Panteón de Galegos Ilustres, e o enterro ten lugar, nun acto laico, no cemiterio de San Froilán–Lugo.

Obras:

Os Eidos (1955)
Elegías del Caurel y otros poemas (ed. bilingüe, 1966)
Os Eidos-2 (1974)
Poemas caligráficos (1979)
Os Eidos. Libro do Courel (1981)
Muller pra lonxe (1986)
Do Courel a Compostela. 1956-86 (1988)
Tempo de elexía (1991)
Poemas da doada certeza i este brillo premido entre as pálpebras (1994)
Poema dos Caneiros (1998)
Arrodeos e desvíos do camiño de Santiago e outras rotas (1999).

Libros destinados aos lectores infantís:
No cubil do xabarín (1991)
Gorgorín e cabezón (1992)
Ilda, o lobo, o corzo e o xabarín (1998).

Coautor dos libros:
Camelio xaponés (1995)
Onde só queda alguén pra aguantar dos nomes (1999)
A súa visión da poesía e da súa propia obra déunola en Dos soños teimosos (1998).


Máis información na páxina web dedicada ao autor http://www.uxionovoneyra.com/

Fontes: Enciclopedia galega, editoriais galegas, internet, propias...