carteletras2018

Letras Galegas 2018
limiarlibros

letras2018
María Victoria Moreno Márquez

(Valencia de Alcántara, Cáceres, 1 de mayo de 1939 - Pontevedra, 22 de noviembre de 2005)
Resume biográfico publicada na web da culturagalega.gal

María Victoria Moreno, mestra e escritora, naceu en Estremadura. En Madrid licenciouse en Filoloxía Románica, onde tivo como profesores a Rafael Lapesa e Dámaso Alonso. No ano 1963 chegou a Pontevedra e quedou namorada para sempre da suavidade do clima e da beleza da cidade. Despois dunha estadía en Lugo e Vilalonga (Sanxenxo) volve a Pontevedra, onde foi profesora nos institutos Valle-Inclán e Torrente Ballester, desde os anos 80 ata a súa xubilación.

Desde o comezo, identificouse con Galicia e coa súa cultura. Tamén participou activamente na vida cultural e política da cidade e do país colaborando en conferencias, cursos e encontros literarios. Ademais de novelas e contos, escribiu obras de ensaio, colaborou na redacción de libros de texto e dirixiu a colección "Árbore" da editorial Galaxia.

Como profesora, afanábase na procura dun método de ensino no que prevalecese o gozo que supón a aprendizaxe. Fronte ás prohibicións, a censura e o medo, María Victoria ofrecía liberdade e xogos. Alimentaba os seus "cachorros" de palabras fermosas. A eles deixou en herdanza a súa biblioteca persoal.

Era encantadora de palabras, amante dos libros e defensora da literatura infantil e xuvenil. Sentía, como os rapaces, a incomprensión dos adultos e o desacougo de andar perdida no mundo. De nena escapaba da triste realidade da posguerra coa fabulación de historias e na adolescencia escribiu unha novela, que se chamaría co paso do tempo Donde el aire no era brisa. Pedro Ferriol, compañeiro durante os seus últimos anos, presentou a obra ao concurso literario de Monleón, onde foi merecedora do primeiro premio. Quedou finalista do Premio Café Gijón e co relato La casa de las Marías obtivo o primeiro premio dos Jogos Florais Minho-Galaicos de Guimarães.
Despois, xa en Galicia, adquiriu o compromiso de escribir só en galego. Contaba María Victoria que soñara Mar Adiante como a singradura dunha escola ideal. O conto "Crarisca e Luceiro" levou o segundo premio do Concurso Nacional de Contos Infantís "O Facho" en 1972. Leonardo e os fontaneiros (1986) era a súa obra preferida. Esta novela, que propón diferentes formas de lectura, reflicte o mundo interior dun rapaz e a súa amizade cun can da rúa. Levou o terceiro premio do concurso "O barco de vapor" en 1985. Anagnórise (1989) é unha das obras con máis éxito da literatura xuvenil galega. A xeito de "road-movie", unha muller misteriosa recolle no seu coche a un desorientado adolescente que emprenderá unha viaxe cara ao coñecemento. Guedellas de seda e liño (1999), mención especial White Ravens 2002, retrata dous mundos, o paio e o xitano, a través da vida de dúas nenas e un primeiro amor. No 2004, afectada polo cancro de mama que lle levou a vida, escribiu Diario da luz e a sombra, reflexión sincera e valente sobre os efectos da enfermidade.

María Victoria era xenerosa e decidida, valorosa ante a vida, o amor e a morte. Malia ter pasado por momentos moi duros, apostaba pola esperanza. Gustáballe pasear amodo, cociñar, a música, os cans e as flores. Amaba "a beleza da paisaxe, da vida, das persoas e das palabras".

Autor/a da biobibliografía: Alejandra Soto Meijomence (2007)

Obra de María Victoria Moreno
 
"Crarisca e luceiro", Mar adiante, Sada (A Coruña), Ediciós do Castro, 1973.
Los novísimos de la poesía gallega, Madrid, Akal, 1973.
Mar adiante, Sada (A Coruña), Ediciós do Castro, 1973.
"O cataventos", Contos para nenos, Vigo, Galaxia, 1979.
A festa no faiado, Vigo, Galaxia, 1983
"Comentarios de texto: descubrir a realidade", Xornadas da Lingua Galega no Ensino, Santiago de Compostela, Xunta de Galicia, 1984.
Literatura Século XX , Vigo, Galaxia, 1985.
Leonardo e os fontaneiros, Vigo, Galaxia, 1986.
"Nico e Miños", 8 contos, Santiago de Compostela, Xunta de Galicia, 1989.
O cataventos, Santiago de Compostela, Sotelo Blanco, 1989.
"Querida avoa", Lerias, Santiago de Compostela, Xunta de Galicia, 1991.
As linguas de España, Santiago de Compostela, Xunta de Galicia, 1991, (Andel).
Verso e prosa, Santiago de Compostela, Xunta de Galicia, 1991, (Andel).
"M.V.M., una profesora feliz de serlo", CLIJ: cuadernos de literatura infantil y juvenil, Barcelona, nº 41 (julio-agosto 1992).
"S.O.S.", Contos de hogano, Santiago de Compostela, El Correo Gallego, 1992.
"O libro das saudades e os degoiros", Ruta Rosalía 1993, Caixa Galicia. Santiago de Compostela, 1993.
"Pan con chocolate", Relatos para un tempo novo, Santiago de Compostela, Xunta de Galicia, 1993.
"Querida avoa", Contos do Castromil, Vigo, 1993.
"Discurso pronunciado por Xesús Alonso Montero no acto no que recibiu o Pedrón de Ouro", Comentarios de textos populares e de masas, Vigo, Xerais, 1994.
"¿Escritora alófona eu?", Alonso Montero, X., Poetas alófonos en lingua galega, Vigo, Galaxia, 1994.
¿Un cachiño de bica?, Vigo, SM, 1994.
Anagnórese, Vigo, Galaxia, 1997.
¿E haberá tirón de orellas?, Vigo, Galaxia, 1997.
"¡Xa non teño medo!", A maxia das palabras, Santiago de Compostela, Xunta de Galicia, 1998-1999.
"Estou a escribir a contrarreloxo". Entrevista con Xosé A. Neira Cruz. Fadamorgana, Santiago de Compostela, nº 3 (decembro 1999).
A brétema, Vigo, Ir Indo, 1999.
Guedellas de seda e liño, Vigo, Galaxia, 1999.
"Amigos de mil cores", Campaña de Lectura 2001, Santiago de Compostela, Xunta de Galicia, 2001.
"Carta de amor", Carlos Casares: a semente aquecida da palabra, Santiago de Compostela, Consello da Cultura Galega, 2003.
"O encontro", Un libro, a mayor aventura, Santiago de Compostela, Xunta de Galicia, 2003
"O grumete", Contos de charlatáns, grumetes, botas e fendas, Santiago de Compostela, Xunta de Galicia, 2004.
Diario da luz e a sombra, Vigo, Edicións Xerais de Galicia, 2004.
Eu conto, ti cantas, Xerais. Vigo. 2005
Elexías de luz, Vigo, Edicións Xerais de Galicia, 2006.