arriba-menud
logolimiar
contacto
Aviso legal
buscaweb
Busca-web
Somos
Ensaio
Historia
Literatura
gal-esp
Técnica Divulgación Deporte Infantil,
 xuvenil
Mundo

Ciencias

Galiza Pago
pago/envio
Envío
Videos,
música
en facebook
Aloxamento
Infolitic.com
Indice letras galegas
LETRAS GALEGAS
2019- Antonio Fraguas Fraguas
2018- María Victoria Moreno
2017- Carlos Casares
2016- Manuel María Fernández Teixeiro
2015- Xosé Filgueira Valverde
2014- Xosé María Díaz Castro
2013- Roberto Vidal Bolaño
2012- Valentín Paz Andrade
2011 - Lois Pereiro
2010 - Uxío Novoneyra
2009 - Ramón Piñeiro López
2008 - Xosé María Álvarez Blázquez
2007 - María Mariño
2006 - Manuel Lugrís Freire
2005 - Xesús Lorenzo Varela Vázquez
2004 - Xaquín Lorenzo Fernández
2003 - Antón Avilés de Taramancos
2002 - Padre sarmiento
2001 - Eladio Rodríguez
2000 - Manuel Murgía
1999 - Roberto Blanco Torres
1998 - Martín Códax, Johan de Cangas, Mendinho
1997 - Ánxel Fole
1996 - Xesús Ferro Couselo
1995 - Rafael Dieste
1994 - Luís Seoane
1993 - Eduardo Blanco Amor
1992 - Fermín Bouza-Brey
1991 - Álvaro Cunqueiro
1990 - Luís Pimentel
1989 - Celso Emilio Ferreiro
1988 - Otero Pedrayo
1987 - Francisca Herrera
1986 - Iglesia Alvariño
1985 - Lousada Diéguez
1984 - Cotarelo Valledor
1983- Leiras Pulpeiro
1982 - Amado Carballo
1981 - Vicente Risco
1980 - Alfonso X "O sabio"
1979 - Manuel Antonio
1978 - López Ferreiro
1977 - Antón Vilar Ponte
1976 - Ramón Cabanillas
1975 - Xoán Manuel Pintos

1974 - Xohán Vicente Viqueira

1973 - Lago González
1972 - Lamas Carvajal
1971 - López Abrente
Letras galegas 2019, Antonio Fraguas Fraguas:: Benvidos a Libraría Limiar
letras2012
ANTONIO FRAGUAS FRAGUAS (1905-1999)
Letras galegas 2019.

María Teresa Fraguas Vázquez nace en Listanco, unha das aldeas da parroquia de Armeses (Maside – Ourense), no ano 1873, filla dun canteiro ambulante que fora traballar alí, Miguel Fraguas García, e de María Carmen Vázquez. Aos sete anos deixa a casa paterna e vai vivir a Loureiro de Cotobade, de onde era o pai, a coidar e a herdar uns tíos que non tiñan descendencia. Namórase de Manuel Fraguas Rodríguez, veciño e tamén canteiro, e cando estaban a piques de contraer matrimonio, chegoulle a el a pasaxe para embarcar a Brasil. Pouco despois, o 28 de decembro de 1905, María Teresa dá a luz un meniño que, como fillo natural, leva só os seus apelidos: Antonio Fraguas Vázquez. O neno criouse en Loureiro igual que os demais: comendo basicamente broa e caldo, enredando nos camiños, agachándose entre o millo, pasando o tempo do mesmo xeito que conta en 1944 no artigo sobre os xogos en Loureiro de Cotobade… A única diferenza era que de cando en vez nai e fillo ían visitar a familia de Armeses, onde botaban varios días, do que sempre se lembrou con saudade, falando dos avós (faleceron en 1909 e 1913), dos tíos e dos curmáns, do tempo que o carromato tardaba en chegar e das paradas que facía no camiño… En 1931, como proba do cariño que sentía por esta terra, dedicoulle un dos primeiros artigos, "Do folk-lore de Armeses – Listanco" (Nós, núm. 96), e ao ano seguinte tomou parte nun mitin do Partido Galeguista en Maside, con Otero Pedrayo, Castelao, Víctor Casas e Leuter González. O proxenitor regresa de América e o mesmo día que casa coa nai tamén o recoñece por fillo, o 7 de agosto de 1912, e en adiante apelidarase Fraguas Fraguas. Aprende as primeiras letras na casa, logo vai á escola pública, durante algún tempo á particular que imparte o párroco, e de novo á publica, ata que o pai decide volver para Brasil, agora con toda a familia. Pero o fado quixo que, como aínda faltaban varios meses para embarcar, acordasen mandalo durante este tempo ás clases particulares dun mestre na aldea de Famelga, na lindeira parroquia de Augasantas. O escolante, que coñecía a valía do neno para estudar, cando quedaban poucos días para rematar, falou co pai para dicirlle que era unha mágoa que antes de marchar non lle desen "unha carreiriña". El non estaba moi de acordo, pero triunfou o que dixo a nai, e días despois, o 14 de abril de 1919, Antonio solicita facer o ingreso no Instituto de Pontevedra. No mesmo centro estuda todo o bacharelato, ata segundo curso por libre e en adiante como alumno oficial, que remata en 1924. Estes anos son decisivos na súa vida: entre outros, ten como profesores a Castelao, Losada Diéguez e Sobrino Buhigas, e como amigos a Sebastián González García-Paz e a Luis Brey Bouza; funda con varios compañeiros a Sociedade da Lingua para defender o galego e ao tempo elaborar un dicionario, xa que os tres existentes daquela, o de Rodríguez (1865), Cuveiro (1876) e Valladares (1884), eran de moi difícil acceso e, quizais, tamén ten contacto por primeira vez coas Irmandades da Fala. Deixa Pontevedra e seguindo o consello do mestre matricúlase na Facultade de Filosofía e Letras da Universidade compostelá, na que sobresae como alumno brillante: nos catro cursos as notas máis baixas foron dous notables e dous sobresalientes, sendo as oito restantes sobresalientes con matrícula de honra. Durante este tempo empeza a relacionarse con algúns membros do Seminario de Estudos Galegos, ao que pertencían varios profesores que tivera no Instituto de Pontevedra. O 15 de outubro de 1927 é proposto para socio e ingresa ao ano seguinte co estudo "O castro de Nos anos de estudante universitario, Antonio Fraguas entra en contacto con membros do Seminario de Estudos Galegos, no que ingresa en 1927 cun estudo sobre o castro de Soutolongo (Lalín). Nesta época participa en traballos de campo para estudar comarcas como a da Terra de Melide, onde catalogou os xacementos castrexos Soutolongo (Lalín)". Publica o primeiro artigo, en castelán, no xornal El Pueblo Gallego o 8 de outubro de 1927, "Compostela al día. Un artista olvidado", sobre o escultor Uxío Souto e a súa Druidesa; en 1929 no periódico A Nosa Terra a primeira colaboración en galego, "Unha serán na catedral", e un ano despois, con López Cuevillas e Purificación Lorenzana, en Arquivos o primeiro traballo relacionado coa arqueoloxía, "Mámoas do Sabiñao". Así mesmo, participa en varias xeiras ou traballos de campo para estudar algunhas comarcas, das que a máis coñecida agora é a da Terra de Melide, polo libro de igual título que sae en 1933 e na que el foi un dos encargados de catalogar os xacementos castrexos. Tamén tomou parte na da Terra de Deza, facendo o mesmo labor que na anterior por consello de López Cuevillas, pero os resultados desta última non se coñecen por ter destruído o orixinal do libro a barbarie fascista cando estaba a piques de entrar no prelo. Forma parte do equipo directivo do Seminario de Estudos Galegos, primeiro como secretario de actas e logo como bibliotecario. Antonio Fraguas adoitaba dicir que estes foran os anos máis felices e ateigados de ilusión da súa vida, nos que, ademais do labor cotián de investigación, traba amizade con amigos e compañeiros de tarefas que serían para sempre: Castelao, Otero Pedrayo, Cuevillas, Filgueira Valverde, Risco, Bouza-Brey, Xaquín e Xurxo Lorenzo… Durante este tempo tamén cumpre o servizo militar en Compostela e imparte clases como profesor auxiliar na Facultade de Filosofía e Letras. Como queda dito, talvez xa mantivera algunha relación coas Irmandades da Fala cando estudaba en Pontevedra, pero vai ser en Santiago cando se afilie ás mesmas, en 1924 ou o ano seguinte, tendo como compañeiros, entre outros, a Asorey, A. Brage, Eiroa, Bonome, Díaz Baliño, Parga Pondal, San Luís Romero, Paz Andrade, Ferro Couselo, Lugrís, Rof Carballo, Bouza-Brey, Filgueira Valverde, Martínez López, o crego Paulino Pedret etc. É un dos asinantes do Manifesto de Ezquerda Galeguista o 14 de xuño de 1931, xunto con Ánxel Casal, Carballo Calero, González García-Paz, A. das Casas, Primitivo R. Sanjurjo, Lois Tobío…, que se integra no Partido Galeguista. Participa en varios mitins, case seguro que inflúe na constitución do grupo deste partido no seu concello natal, e durante a estadía de profesor no Instituto da Estrada desempeña o cargo de secretario xeral do mesmo, polo que toma parte activa na campaña do referendo do Estatuto de Autonomía. Poucos días antes da sublevación militar, o 12 de xullo, saía á rúa o primeiro e único número do periódico La Voz de Cotobad. Órgano defensor de los intereses del municipio, su comarca y limítrofes, baixo a súa dirección, malia que non conste. Durante a súa estada na Estrada, ademais do seu labor docente e político, organiza excursións cos alumnos, cataloga os castros e mámoas, dirixe pequenas prospeccións arqueolóxicas e monta un museo no instituto para expoñer os achados e outros obxectos de interese histórico e etnográfico coa idea de que algún día se convertese no Museo da Terra de TabeirósO 11 de novembro de 1933 deixa Compostela e incorpórase ao claustro do Instituto da Estrada, do que foi secretario. A estada nesta vila foi curta pero fértil, oficialmente ata o 20 de maio de 1937, data en que a Comisión de Depuración de Enseñanza de Pontevedra ordena a súa separación definitiva do ensino público. Ademais do labor docente e, como queda visto, tamén político, organiza excursións cos alumnos pola contorna, cataloga os castros e as mámoas, dirixe pequenas prospeccións arqueolóxicas e monta un museo no centro para expoñer os achados e outros obxectos de interese histórico e etnográfico, coa idea de que algún día se convertese no futuro Museo da Terra de Tabeirós, instalado na torre de Guimarei. O soño rematou en 1936, en que é humillado publicamente polos falanxistas e destruído o museo. Refúxiase entón na súa parroquia de Loureiro, de día nos montes e de noite, cando a nai prendía un farol nunha das fiestras, volvía para a casa, porque nin aquí estaba seguro, xa que foron por el varias veces os falanxistas e os da Guardia Cívica de Pontevedra. Nunha das "visitas"  escribiron nunha parede interior da casa en números ben grandes <1.936>, para que sempre se lembrase deste ano, que aínda se pode albiscar agora. Anos de medo, tristura e ostracismo: o Seminario de Estudos Galegos arrasado polos franquistas e os fondos desbaratados; o que quedaba da biblioteca pasa á Universidade en 1941; o Instituto da Estrada pechado; moitos amigos mortos (Díaz Baliño, Ánxel Casal…) e outros fuxidos (Castelao, Sebastián González García-Paz…). En Compostela imparte clases na academia Menéndez y Pelayo, da que consta como director un crego, e tamén algunhas como profesor encargado na Universidade, mentres aproveita o resto do tempo para redactar a tese de doutoramento, que defende na Universidade de Madrid o 16 de xuño de 1948.
A Real Academia Galega acorda nomealo membro correspondente na sesión do 13 de decembro de 1942, e de número na do 19 de abril de 1951, para ocupar a cadeira do seu benquerido profesor, e logo compañeiro, Castelao. O discurso de ingreso, Roseiras e paxariños nas cantigas dun serán (Coplas que se cantaban nas ruadas de Loureiro de Cotobade), leuno o 8 de maio de 1956 e Ramón Otero Pedrayo respondeulle en nome da institución. Co gallo de diminuír o baldeiro cultural que deixara a desaparición do Seminario de Estudos Galegos, en 1944 xorde o Instituto Padre Sarmiento de Estudios Gallegos, adscrito ao CSIC, no que se encarga de catalogar o que quedaba da biblioteca. Ademais desempeña, posteriormente, os cargos de xefe da sección de Etnografía e Folclore, secretario, comisario de varias exposicións etc., á vez que colabora arreo na revista Cuadernos de Estudios Galegos -na que entre 1946 e 1975 insire 13 artigos-, publica dous libros (Historia del Colegio de Fonseca e Los colegiales de Fonseca), participa noutros dous colectivos e colabora na maioría das exposicións que organiza o centro. Son poucos os eventos culturais relacionados coa nosa cultura onde AntonioFraguas non estea presente, como na fundación do Padroado Rosalía de Castro en 1947, do que formou parte da xunta de goberno e no que tamén exerceu o cargo de tesoureiro. Oposita de novo a cátedras de instituto, pero fracasa varias veces polos antecedentes políticos, como lle di un dos membros do xurado. Por fin aproba en 1950 e é destinado ao Instituto de Lugo, no que toma posesión o 15 de maio. Como fixera na Estrada, ademais do labor cotián docente, desempeñou varios cargos (vicesecretario, secretario, xefe de estudos), participou na vida cultural da cidade (vogal do Museo Provincial, do de Arte Sacra da diocese, presidente do grupo II da Asociación Española de Amigos de los Castillos etc.) e colaborou en varias publicacións periódicas, datando o primeiro artigo do mesmo ano en que se incorpora ao claustro lucense: "Pastor Díaz en el colegio de Fonseca" (Boletín de la Comisión Provincial de Monumentos de Lugo). Sobre a cidade e a provincia aínda dará a coñecer máis traballos, tanto na devandita revista como noutras: apuntamentos sobre o ensino primario no val de Quiroga, o catedrático Gumersindo Laverde y Ruíz, a farsa de Casa de Naia (Antas de Ulla) etc., e cando xa levaba residindo en Compostela 15 anos, en 1974 sae do prelo na colección de Bibliófilos Galegos o libro Lugo, unha sucinta historia da poboación dende a antigüidade ata os nosos días. Tal foi a pegada que deixou, que en 1989 varios exalumnos, ademais de renderlle unha homenaxe, acadaron que o concello lle dese o seu nome a unha rúa. En 1959 torna a Compostela como profesor do Instituto Rosalía de Castro, do que será xefe de estudos e vicesecretario, ao tempo que imparte algunhas clases na Facultade de Filosofía e Letras, ata que remata o seu labor docente coa xubilación, o 28 de decembro de 1975.
Os anos á fronte do Museo do Pobo Galego
. Pero xusto o ano seguinte comeza unha nova etapa da súa vida ateigada de satisfaccións ao ver como se materializa parte do programa do desaparecido Seminario de Estudos Galegos, polo que tanto traballara na xuventude e no que tivera como amigos e compañeiros a persoas tan insignes como Castelao, Losada Diéguez, Otero Pedrayo ou Xaquín Lorenzo. O 24 de xaneiro de 1976 asiste á primeira xuntanza para a creación dun museo galego de antropoloxía, que se denominará Museo do Pobo Galego. Participa en todos os actos como director deste, dende a inauguración das primeiras salas o 29 de outubro do ano seguinte, ata o pasamento do benquerido "irmán" Xocas, o 18 de xullo de 1989, en que é nomeado presidente do padroado. Non diminúe por iso a súa angueira como investigador, escritor e ameno conferenciante; pola contra, vai ser unha das épocas máis frutíferas consonte co número de publicacións, entre elas varios libros: o dedicado ao patriarca Manuel Murguía (1979), ao traxe tradicional (1985), ao cancioneiro da súa terra de Cotobade (1985), á vida e á obra do seu compañeiro da Real Academia Galega Aquilino Iglesia Alvariño (1986), á Real Sociedade Económica de Amigos do País (1986), ás romarías e aos santuarios (1988), a Celso Emilio Ferreiro (1989), ás tradicións galegas (1991) etc. O 8 de xullo de 1983 créase o Consello da Cultura Galega, do que é nomeado membro a título individual e no que participa activamente, sobre todo, como coordinador da sección de Antropoloxía Cultural, unha das máis dinámicas daqueles anos, datando da súa época varias publicacións e congresos. Antonio Fraguas é unha das persoas máis queridas e respectadas de Compostela, pola súa bonhomía, sabedoría e amabilidade. Todos saben do seu traballo, dende mozo, desinteresado, silandeiro e constante a prol da nosa cultura, sen nunca agardar nada a cambio. Por iso cada vez son máis as sociedades culturais e institucións que fan público o recoñecemento dos seus méritos, con premios e nomeamentos: Pedrón de Ouro, premio Trasalba, medalla Castelao, premio de Investigación da Xunta de Galicia, Cronista Xeral de Galicia, premio das Letras e das Artes da Xunta de Galicia; Lugo, Melide e Santiago de Compostela danlle o seu nome a unha rúa etc. No mes de outubro de 1995, a sección de Antropoloxía Cultural do Consello da Cultura Galega organiza na súa honra o Simposio Internacional Medicina popular. Antropoloxía da Saúde, coordinado por Xosé Manuel González Reboredo. Decide doar a súa biblioteca ao Museo do Pobo Galego para que calquera persoa poida consultar os seus libros e, principalmente, aqueles que non teñen ningún nas súas casas, coma na del cando era neno. Asina a cesión o 17 de decembro de 1994, ao tempo que escribe no libro de ouro do Museo: No día que deixamos o noso "tesouro", a sinxela biblioteca co pensamento na nosa terra e na nosa cultura. Deste xeito, os miles de libros que foi adquirindo dende mozo –moitas veces privándose doutras cousas–, están agora a disposición de todos cantos se interesen pola nosa cultura. O 29 de marzo de 1996 falece dona Teresa, coa que casara en 1932. Malia a tristura da soidade (non tiveron descendencia), non por iso deixou de traballar e de asistir a todos os actos, mentres tivo folgos para facelo, organizados polo Museo do Pobo Galego ou por outras institucións, ata o 5 de novembro de 1999 en que fina en Santiago de Compostela, cando estaba a piques de cumprir os 94 anos. Antonio Fraguas Fraguas descansa o sono eterno á entrada do cemiterio compostelán de Boisaca, entre Aurelio Aguirre (un dos protagonistas do Banquete democrático de Conxo) e Ramón María del Valle-Inclán, e dende o 5 de xaneiro de 2012 tamén a carón do seu amigo Isaac Díaz Pardo. 
Clodio González Pérez
(para a R.A.G.)

Obras:

Obras publicadas: La Galicia insólita     (1973)   Editorial/es:  Librigal
Lugo   (1974) 
Editorial/es:  Bibliófilos Gallegos, S.A.
Santiago de Compostela   (1977)  
Editorial/es:  Publicaciones Españolas
Aportación ao cancioneiro de Cotobade   (1985)   Editorial/es:  Fundación Otero Pedrayo
El traje gallego   (1985)
Editorial/es:  Fundación Barrié
Aquilino Iglesia Alvariño   (1986)   Editorial/es:  Real Academia Galega
Romarías e santuarios   (1988)  
Editorial/es:  Editorial Galaxia, S.A.
La Galicia insólita : tradiciones gallegas     (1990)  
Editorial/es:  Ediciós do Castro
Galicia máxica   (1992)  
Editorial/es:  Editorial Compostela, S.A.
Carnaval e outras festas   (1992)  
Editorial/es:  Editorial Compostela, S.A.
Puerta Santa, la   (1993)   Editorial/es:  Ediciós do Castro
Entroido, do   (1994)   Editorial/es:  Museo do Pobo Galego
Romarías e santuarios (1995)   Editorial/es:  Editorial Galaxia, S.A.
O Colexio de Fonseca   (1995) Editorial/es:  Servizo de Publicacións e Intercambio Científico da USC
A festa popular en Galicia   (1996)  
Editorial/es:  Ediciós do Castro
Cantigueiro de Cotobade   (1998)  Editorial/es:  Ediciós do Castro
Romerías y santuarios de Galicia  (2004)  Editorial/es:  Editorial Galaxia, S.A.
As Marías : as dúas en punto : "cinguidas sempre, orgullosas de si mesmas, desafiantes"   (2007)   Editorial/es:  Consorcio de Santiago
Do tempo e dos astros   (2019)   Editorial/es:  Editorial Galaxia, S.A.